Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta fai entrega de furgóns destinados aos servizos municipais das grandes cidades de Galicia


O goberno galego destinou á adquisición destes vehículos, preto de 200.000 euros no marco do Programa Operativa FEDER de Galicia 2007-2013, destinado a adquisición de material operativo en materia de emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda fixo entrega de sete vehículos tipo furgón con destino aos servizos municipais de emerxencias das grandes cidades de Galicia co fin de reforzar a capacidade de resposta destes servizos fronte ás situación de risco e emerxencias de xeito homoxénea e eficaz con independencia do lugar onde estas se produzan.

Alfonso Rueda acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o Xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz Iglesias, entregou hoxe concretamente os vehículos furgón aos concellos de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, destinados á transporte de persoal e equipos para tarefas de protección civil, menos ao concello de Vigo xa que ningún representante do concello acudiu a recoller o furgón destinado a Protección Civil da súa cidade.

A Xunta destinou á adquisición destes vehículos, preto de 200.000 euros no marco do Programa Operativa FEDER de Galicia 2007-2013, destinado a adquisición de material operativo en materia de emerxencias para mellorar o equipamento dos servizos municipais e supramunicipais de protección civil e emerxencias.

O goberno galego aposta decididamente polos concellos como piar esencial no sistema público integrado de protección civil de Galicia pois a eles corresponde o primeiro nivel de resposta fronte a calquera emerxencia. Con esta iniciativa garántese que os servizos municipais de emerxencia dispoñan de todos os medios necesarios para o mellor cumprimento das súas funcións e ao mesmo tempo proporcionar un maior grao de seguridade para os cidadáns. Neste senso un dos obxectivos de Xunta de Galicia é o de conseguir unha maior capacidade de resposta ás emerxencias en todo o territorio de Galicia baseada en criterios de eficacia, eficiencia e homoxeneidade.

Características furgóns
Os vehículos que hoxe foron entregados, teñen capacidade para 9 ocupantes; terceira fila de asentos desmontable e/ou abatible; potencia mínima de 120 CV; gancho de remolque fixo tipo bola con instalación eléctrica de 13 polos; caixa de primeiros auxilios equipada con soporte para vehículo; extintor de po ABC de 6kg con soporte para vehículo; 2 lanternas de led con cargador de vehículo e cono de cor amarela e con autonomía mínima de 4 horas; ponte de luces de led con un mínimo de 44 led de forma aerodinámica con altofalantes de 100w no centro; 2 focos tipo microled en aletas dianteiras do vehículo. Mínimo de 3 led cada un; e 2 focos de led para a parrilla dianteira do vehículo mínimo de 6 led cada un.

Máis de 180 concellos beneficiados no reforzo ás emerxencias
En total, o goberno galego leva investido máis de 7 millóns, en material e medios para as agrupacións de Protección Civil e as Policías Locais de Galicia, beneficiando a 180 concellos na nosa comunidade. Ata o día de hoxe, foron entregados 76 todoterreos pick up; 63 remolques de emerxencias; 48 furgóns de transporte e loxística; 22 embarcacións pneumáticas; 45 esparexedores de sal¸10 equipos de excarceración; 20 carpas presurizadas con remolque. Ademais de 55 vehículos e 26 motocicletas destinados ao corpo da Policía Local.